

Audios
Coñecedores de que o noso patrimonio vai moito máis alá das excepcionais xoias arquitectónicas, escultóricas e pictóricas que os nosos devanceiros nos legaron, a asociación leva anos tratando de recuperar e poñer en pleno funcionamento o órgano do templo parroquial que en 2010 se atopaba case incapacitado para o seu uso.
Nesta procura de protexer un instrumento que, inundando coa súa musicalidade o templo, é quen de abstraernos da vida cotiá e crear un ambiente máxico que nos achega a Deus, entendemos que é inseparable das mans que pasaron por el interpretando obras e mesmo compoñendo algunhas pezas que xa forman parte da memoria histórica dos veciños da vila, e que contribuíron en gran medida a enriquecer o patrimonio cultural inmaterial de Noia.
Así pois, entendemos que é preciso preservar a obra destes organistas que estiveron ao cargo do instrumento durante a súa historia, para que poida ser transmitida ás vindeiras xeracións e que esta non se esqueza, xa que suporía unha perda irreparable no noso patrimonio cultural inmaterial.
Comezamos esta andaina coa obra para órgano e coro de Prudencio Romo González, fundador do grupo Los Tamara, que durante os últimos anos da súa vida estivo ao cargo deste instrumento como organista da igrexa de San Martiño, realizando varias composicións durante este período. Esta etapa da súa vida non é tan coñecida como a que pasou nos Tamara, mais ten obras dignas de ser preservadas e que forman parte das lembranzas de aqueles que tivemos o privilexio de escoitalo en vivo solemnizando as celebración litúrxicas con gran mestría.